martes, enero 30, 2007

O BNG de Meis demanda protección para noso arte rupestre.

 Meis posúe un rico patrimonio de arte rupestre e petróglifos (en Meis eran coñecidos co nome de "Pedras Escritas" polos nosos antergos e aínda hoxe polos mais vellos do concello), mais o estado de abandono nos que se atopan case todos eles pode acabar con este ben cultural. Débese realizar un Plan que teña en conta a acotamento e coidado dos petróglifos e dos arredores, que recolla como educar, asimilar e reorientar ao pobo sobre este patrimonio e polo tanto valorar a súa importancia. . Ben é certo, que Meis non ten a abundancia que pode ter Campo Lameiro, mais o monte Castrove tamén está formado por Poio e Pontevedra, concellos que posúen unha grande riqueza de petróglifos. Os 3 concellos mencionados xa participan de proxectos como o PRODER para potenciar estes xacementos ao aire libre e o noso concello non debe quedar de lado, ten que ter un proxecto que satisfaga a demanda por parte das xentes de coñecer e acceder á arte rupestre. Non se entende que a día de hoxe o PP non teña feito NADA para protexer este ben cultural e histórico. O BNG aposta pola elaboración dun proxecto de creación da Área de arte rupestre Castrove-Meis que teña en conta a recuperación, a sensibilización deste patrimonio por parte da cidadanía, a protección e coidado da zona, a sinalización, garantir a conservación e o mantemento, etc. Por último, pedimos un estudo sobre a posibilidade de engadir a este Plan Específico os castros, mámoas e outros restos de achados prehistóricos.

(Enviada por Celso Milleiro Sánchez, BNG de Meis)

No hay comentarios: